Publicado en DOG>: 08-02-2013 ver web
Obxecto
Axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega en concellos ou en agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.
No caso dos agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común, as entidades integrantes nomearán un representante único que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será o receptor da asignación económica.
As entidades locais ás que lles fose concedida e percibisen unha subvención para a creación dun servizo lingüístico ao abeiro da convocatoria de 2012 non poderán acceder a unha axuda para a creación dun servizo lingüístico na presente convocatoria.
Modalidades de axuda
1) Creación dun servizo lingüístico dun concello.
2) Creación dun servizo lingüístico dun agrupamento de concellos.
3) Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local (concello ou agrupamento de concellos).
4) Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos).
Tendo en conta que a prestación de servizos lingüísticos implica a planificación e o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística, todas as modalidades de axuda incluirán a súa realización ao abeiro desta convocatoria.
Perfil técnico do servizo lingüístico
A actividade dos servizos lingüísticos locais deberá/n desenvolvela un/unha ou varios técnicos/as que posúa/n as seguintes titulacións:
a) Licenciatura de Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués) ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5). Estes profesionais deberán ter a categoría profesional de licenciados/as.
b) No caso das entidades que soliciten subvención para o mantemento dun servizo lingüístico e o creasen con anterioridade ao ano 2007, poderán acceder ás subvencións aqueles que conten con persoal fixo que posúa a titulación de mestre/a con diploma de especialista en Lingua Galega ou co certificado do curso superior de linguaxe administrativa, ou as licenciaturas e graos previstos na letra a) deste artigo.
Na selección dos candidatos as entidades locais deberán ter en conta e valorar os seguintes coñecementos: en linguaxe administrativa, en sociolingüística e en dinamización social, así como as formacións de posgrao en planificación lingüística.
Prazo de presentación de solicitudes ata o 09-03-2013.
Información aos interesados
a) Páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística: www.xunta.es/linguagalega. Epígrafe Política Lingüística. Sección Convocatorias.
b) Nos teléfonos 881 995 041/881 999 485/981 54 54 78/981 54 54 93 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
c) No enderezo electrónico: sxpl.subvencions@xunta.es
d) En calquera das dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística (na rúa da Pastoriza, 8 en Santiago de Compostela ou nos gabinetes das xefaturas territoriais).