A Xunta de Voceiros da Fegamp acordou esta mañá convocar para o vindeiro luns a reunión da súa Comisión Executiva, o seu órgano de goberno, co obxectivo de aprobar un documento único de alegacións ao Anteproxecto de Lei de reforma da administración local. Tras unha reunión de dúas horas, os voceiros dos tres principais partidos intercambiaron as súas propostas, coincidindo na posibilidade de alcanzar finalmente un acordo para que o municipalismo galego fale cunha voz única ante a FEMP e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
Segundo explicou José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “quero destacar a boa disposición dos voceiros para, aparcando diferenzas partidarias, defender os intereses de Galicia e os seus concellos”.
A falta de concretar o contido definitivo das alegacións, Rey Varela avanzou a reclamación unánime dos grupos para que “o custo estándar dos servizos non se fixe desde o Estado, senón que se faga desde as autonomías”, respectando así as diferenzas sociodemográficas e económicas de cada territorio.
Ademais, a Fegamp avanzou na definición dun núcleo de competencias mínimas que serían intransferibles a ningunha outra administración, xa que se entenden como eixo da actividade municipal. Igualmente, os tres grupos detallarán unha proposta salarial para os concellos de menos de 50.000 habitantes, recoñecendo en todo caso “que non é admisible” que un alcalde desempeñe a súa labor á fronte dun municipio “sen unha retribución digna e suficiente”.
Os voceiros acordaron adiantar ao próximo luns a Comisión Executiva correspondente ao mes de marzo, de modo que as alegacións teñan o respaldo dos vogais e poidan ser presentadas e defendidas na reunión do Consello Territorial da FEMP que terá lugar o mércores en Madrid. “Queriamos que Galicia tivese un posicionamento firme e claro antes desta importante cita”, destacou Rey Varela.