A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) quixo hoxe mostrar o seu recoñecemento ao impulso que a Xunta está a dar á ordenación do territorio e a colaboración que para esta tarefa está a exporse aos municipios. A Consellería de Medio Ambiente avanzou onte un plan para elaborar os plans urbanísticos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, que facilitará unha clasificación dos chans e unha adecuación das normas locais á lexislación vixente.
Para José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “é unha proposta que saudamos, sempre que se faga de forma consensuada entre a Xunta e os servizos técnicos de cada concello”, xa que permitirá a moitos municipios “acometer unha adecuación legal para a que non sempre se dispón dos recursos económicos e humanos”. “O importante é que a adhesión se realice de forma voluntaria”, engadiu, “mesmo para aqueles concellos que xa estean o proceso de elaboración dos seus respectivos plans xerais”.
“Temos unha materia pendente na lexislación sobre o territorio a nivel municipal”, recoñeceu Rey Varela, “e con esta oferta de Medio Ambiente exponse a posibilidade de ila emendando a medio prazo”. A Fegamp estima que terá unha boa acollida entre os concellos máis pequenos, principalmente das comarcas do interior, “porque é unha axuda a custo cero”.
Segundo Rey Varela, “é un novo exemplo da colaboración entre administracións públicas, que só redunda nuns mellores servizos para os veciños, porque dá máis garantías xurídicas á hora de obter unha licenza e realizar calquera obra”. “Agora que estamos a debater sobre as competencias municipais, o urbanismo é unha de carácter básico de cada concello”, matizou, “e con todo, a Xunta ofrécese a colaborar no seu desenvolvemento”. “É unha boa noticia”, resumiu.
Na actualidade, os concellos sen plan só poden conceder licenzas en zonas categorizadas como chan urbano consolidado, limitando o desenvolvemento dos núcleos rurais. A oferta exposta pola Consellería de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas procedería a unha delimitación básica dos núcleos de poboación e a unha clasificación dos chans e os seus distintos usos.