Santiago, 13 de xullo de 2010. A sede de Fegamp acolleu esta mañá a sinatura do convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Fundación Manuel María de Estudios Galegos que ten por obxecto a creación dun marco de acordos de mutua colaboración entre as Entidades Locais e a Fundación que permita, por unha banda, a realización de actividades nos concellos relacionadas coa promoción e desenvolvemento da cultura e a lingua galega e, contribuír á adquisición por parte da Fundación, da casa natal de Manuel María para convertela en Casa Museo do Escritor. Na actualidade a casa natal de Manuel María está habitada polo irmán deste e a súa familia con quen a Fundación xa chegou a un principio de acordo para a construción dunha nova vivenda para os actuais inquilinos e acondicionar como museo a coñecida como Casa de Hortas, en Outeiro de Rei. Entidades locais de forte vencello co escritor como as deputacións de Lugo e A Coruña e o concello de Monforte xa amosaron o seu apoio á dedicación da casa natal de Manuel María a museo e sede do seu legado cultural. O convenio marco asinado hoxe polo presidente da Fegamp, Carlos A. Fernández Castro, e a presidenta da Fundación e viúva do autor, Saleta Goy, permite estender o proxecto ao conxunto do país, na medida en que a Federación se compromete a difundir e promover a adhesión a este convenio entre as Entidades Locais. Texto do Convenio |