FEGAMP
volver
 
[ 10/03/2010 ]

Consellería de Medio Ambiente amplía un mes mais o periodo de audiencia dos concellos para analizar o Plan de Ordenación do Litoral

O presidente da Fegamp reuniuse onte co conselleiro de Medio Ambiente. Carlos Fernández manifestouse convencido de que esta decisión contribuirá a facer un mellor documento, ademais de favorecer a política de consenso que se está a buscar en relación co territorio

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, reafirmouse hoxe en que o Plan de Ordenación do Litoral (POL) sairá adiante este ano a pesar da súa decisión de conceder aos concellos un mes máis de prazo para que estuden o documento.

   Así acordouno tras unha reunión mantida hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, quen reclamou unha moratoria de tres meses debido á complexidade técnica do texto. Pedimos un prazo amplo, pero entendemos que o Goberno quere levar a cabo o seu desenvolvemento normativo en tempo, sinalou, tras aplaudir a decisión do titular de Medio Ambiente.

   Esta ampliación redundará na mellora do documento, incidiu Hernández, quen considerou que a súa decisión dá resposta á inquietude transmitida polo líder do municipalismo ante a dificultade de análise do POL e pola cal xulgou necesario outorgar máis tempo aos concellos.

   Máis aínda cando esta cesión non afecta aos prazos que manexaba a consellería para a súa aprobación, que se prevé que saia a información pública antes do verán para así lograr a súa aprobación definitiva antes de que finalice o ano. Deste modo, mantense o horizonte do 17 de maio --cando finaliza a suspensión da prohibición de construír nos primeiros 500 metros da costa-- para contar coas achegas locais e dos grupos parlamentarios reunidos en relatorio non lexislativo.

   Respecto da ampliación do prazo, Hernández recordou que o Plan do Litoral foi remitido aos concellos a principios de febreiro cun período de dous meses para analizalo, polo que agora poderán remitir á Xunta os datos que consideren necesarios, como máximo, ata o próximo 10 de maio.

POSTURA DA FEGAMP

   Pola súa banda, Carlos Fernández agradeceu a concesión do conselleiro, posto que o POL é un documento trapalleiro tanto para os técnicos municipais coma para os propios responsables políticos. Favorece a política de entendemento e busca de consenso que todos declaramos respecto da regulación territorial e urbanística, aplaudiu.

   Así, aínda que indicou que a súa petición era algo superior --tres meses-- , asumiu que os 30 días ofrecidos a maiores permiten non traballar cunha présa demasiado esaxerada. Non queremos dar a imaxe de dilatar en exceso o proceso, resaltou, e xustificou a súa postura en que os instrumentos de ordenación son ferramentas importantes.

   Ao fío diso, o presidente da Fegamp aduciu que estes asuntos requiren certo tempo, porque os concellos pretenden ver os documentos con detalle para elaborar directrices comúns dende o ámbito local. Trátase de evitar competencias entre eles e que haxa uns máis listos que outros, resumiu.

REUNIÓN COA FEGAMP

   Na reunión, ambos os dous dirixentes políticos abordaron tamén a situación na que se atopa a tramitación da Lei do Solo de Galicia, así como outros asuntos xerais relativos á ordenación territorial.

   Sobre o desenvolvemento normativo da Lei do Solo, Hernández apuntou que se están a incorporar moitas das emendas do PSdeG no relatorio non lexislativo que finaliza mañá. Os traballos van polo bo camiño, concluíu.