FEGAMP
volver
 
[ 05/03/2010 ]

Declaración Fegamp 8 marzo: Día Internacional da Muller

A Fegamp fai un chamamento a impulsar actos conmemorativos o vindeiro 8 de marzo. Aposta pola igualdade entre mulleres e homes á hora de promover desde os Gobernos Locais o crecemento económico e o emprego

 

CHAMAMENTO DA FEGAMP A IMPULSAR ACTOS CONMEMORATIVOS O VINDEIRO 8 DE MARZO


Propón sumarse a unha Declaración en que se aposta pola igualdade entre mulleres e homes á hora de promover desde os Gobernos Locais o crecemento económico e o emprego.


Santiago, 5 de marzo de 2010.- A Comisión Executiva da Fegamp fixo un chamamento aos Gobernos Locais galegos para que celebren actos conmemorativos, manifestacións ou calquera outro tipo de actividade con ocasión do Día Internacional das Mulleres, que se celebra o 8 de marzo.


Con este motivo, a Fegamp, en coordinación coa FEMP, emitiu unha Declaración, en que se vén a reivindicar que a igualdade entre mulleres e homes sexa tida en conta á hora de abordar respostas á crise económica e de impulsar o crecemento e o emprego nos próximos anos.


O texto, proposto para a aprobación de todos aqueles Concellos que o desexen, reitera o compromiso dos Gobernos Locais en “seguir traballando nunha sociedade máis igualitaria, xusta e democrática” e ínstalles á “manter nas súas axendas políticas a prioridade da igualdade de xénero, intensificando os esforzos por identificar e abordar os obstáculos que dificultan, impiden ou limitan a participación igualitaria de mulleres e homes nos ámbitos locais de responsabilidade, en particular de decisión política e económica e de xeración de coñecemento, contribuíndo así á construción de sociedades máis humanizadas”.


Son xa moitos os Concellos galegos os que, nas xornadas previas ao 8 de marzo, veñen desenvolvendo actividades formativas e informativas, seminarios, talleres, exposicións e actos diversos para dar a coñecer e implicar á cidadanía no compromiso pola igualdade.


Á Declaración pódese acceder desde o báner representativo do Día Internacional, na web da Fegamp: www.fegamp.org.


CHAMAMENTO CON MOTIVO DO 8 DE MARZO DE 2010 DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

A conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, vén marcada este ano pola busca de novas respostas aos desafíos que presenta a difícil situación económica en que nos encontramos, tanto nos ámbitos nacionais e internacionais como no propio escenario local.


Numerosos son os acontecementos internacionais previstos en que se abordarán as estratexias de busca de resposta á actual crise económica e de impulso ao crecemento e ao emprego nos próximos anos. Sexan cales sexan esas respostas, ninguén dúbida que será preciso incorporar a todas elas a igualdade entre mulleres e homes como condición indispensable para o crecemento sostible, o emprego, a innovación, a competitividade e a cohesión social.


O importante aumento do nivel formativo das mulleres non se corresponde cunha presenza proporcional nos niveis máis altos de responsabilidade e de toma de decisións, particularmente no ámbito económico, financeiro e político. Este déficit de representación supón unha perda para a sociedade do talento das mulleres, talento tan necesario para superar calquera contexto de crise económica e financeira, para acadar o reto de sociedades máis inclusivas, sostibles e eficientes. A rendibilidade das políticas de igualdade tradúcese en maiores taxas de emprego, máis contribución ao PIB, maiores ingresos fiscais, índices de natalidade sostible e maior cohesión social.


Efemérides como a conmemoración dos 30 anos da Convención para a Eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller; o décimo quinto aniversario da Plataforma de Acción de Beijing, a aprobación pola Unión Europea da nova estratexia de crecemento e emprego para os próximos dez anos, ou a renovación do compromiso por parte da Comisión Europea de promover a igualdade adoptando unha nova estratexia que substitúa o actual roteiro para a igualdade entre mulleres e homes, van a marcar de forma decisiva o futuro da igualdade nas nosas sociedades.


Como se dixo fai uns días en Barcelona, durante o Cumio dos Gobernos Locais en Rede para unha nova Europa, “os problemas globais son problemas locais, xa que é neste ámbito onde se senten e sófrense e onde fai falta dar unha primeira resposta”. Esa resposta pasa por incorporar a dimensión de xénero ás estratexias de afrontamento ante a crise económica, financeira e de emprego, porque é fundamental ter en conta o distinto impacto que a actual crise está tendo sobre as mulleres e os

homes.


Nunha sociedade cambiante como a actual, onde os problemas e as solucións aos mesmos adquiren unha dimensión global pero teñen unha identidade local, xorden novas formas de discriminación ou discriminacións múltiples ligadas ás novas realidades sociais, pero cuxo orixe segue sendo un sistema cultural e de valores discriminador e patriarcal. A actual desigualdade acrecéntase como discriminación nos miles e miles casos de mulleres inmigrantes que fuxindo da pobreza e a desesperanza, aterran nos nosos municipios esperando encontrar a oportunidade dunha vida mellor, ou nos miles de mulleres novas ou adultas que traballan en empregos precarios, ou que se ven obrigadas a vivir unha vida cotiá baixo o maltrato e a violencia.


Segue a ser necesario que desde os Gobernos Locais continuemos traballando para remover os obstáculos que aínda seguen impedindo a plena participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e o seu acceso e permanencia nos postos de toma de decisións. Que continuemos investindo esforzos dirixidos a promover a corresponsabilidade de mulleres e homes no ámbito doméstico e de coidados, contribuíndo así a facilitar o acceso igualitario de ambos os dous aos postos de responsabilidade e de toma de decisións, e que ademais, instemos aos gobernos

autonómicos, nacional, e aos órganos de representación ante as institucións da UE, a incorporar ás súas políticas a preocupación por unha participación equilibrada de mulleres e homes como elemento indispensable para consolidar modelos democráticos inclusivos apoiados na innovación, a solidariedade e a sostibilidade.


Por todo iso, reiteramos unha vez máis o compromiso dos Gobernos Locais para seguir traballando por unha sociedade máis igualitaria, xusta e democrática, e instamos aos Concellos e Deputacións a manter nas súas axendas políticas a prioridade da igualdade de xénero, intensificando os esforzos para identificar e abordar os obstáculos que dificultan, impiden ou limitan a participación igualitaria de mulleres e homes nos ámbitos locais de responsabilidade, en particular de decisión política e económica e de xeración de coñecemento, contribuíndo así á construción de sociedades máis humanizadas.


Igualmente, animamos a celebrar este Día Internacional das Mulleres con actos e manifestacións que fagan visible o compromiso dos Gobernos Locais e de toda a cidadanía, por acadar o reto de construír e garantir a mulleres e homes o gozo dunha sociedade tan diversa como cohesionada, igualitaria, participativa, inclusiva e integradora.